Monday 23 de September de 2024

O Concello de Carballo pon en marcha unha escola de informática para maiores de 60 anos


As persoas interesadas terán que inscribirse a partir do luns 23 de setembro no segundo andar do edificio administrativo do Fórum

O Concello de Carballo pon en marcha as actividades destinadas ás persoas maiores de 60 anos. Mañá mesmo comezarán os bailes dos domingos coa actuación de Rocío Pérez no mercado municipal, tamén arrincará en breve o programa de exercicio físico en distintas parroquias, o 4 de outubro abrirá o prazo de inscrición para a segunda edición da Universidade Sénior e ademais estamos preparando un programa de actividades que incluirá cursos de memoria e novas tecnoloxías, entre moitas outras. Pero entre as novidades deste ano destaca a escola de informática para maiores promovida polas áreas de Innovación, Terceira Idade e Servizos Sociais.

O curso desenvolverase desde principios de outubro ata finais de maio, todos os martes de 10.00 a 12.00 horas, na Aula CeMIT, e será impartido por persoal técnico de Afaber.

O obxectivo desta actividade é achegar ás persoas maiores os coñecementos básicos para desenvolverse no mundo dixital, ao tempo que se traballarán os beneficios da informática para os maiores en aspectos neurolóxicos, emocionais e relacionais. En definitiva, queremos contribuír á mellora da calidade de vida das persoas maiores e do seu desenvolvemento individual e social.

Buscar información en Internet, enviar un correo electrónico, escoitar música, ler o xornal ou facer un trámite coa Administración son algúns dos obxectivos concretos que nos marcamos para este curso, que incluirá, neste sentido, formación básica sobre o manexo do ordenador, a busca e organización da información en Internet, o correo electrónico, os servizos de mensaxería, a realización de trámites coa administración electrónica ou coas entidades bancarias de xeito seguro.

O prazo de inscrición estará aberto desde este luns 23 de setembro. As persoas interesadas terán que dirixirse ás oficinas municipais do Fórum Carballo, situadas no segundo andar do edificio administrativo. Hai 20 prazas, que se asignarán por orde de solicitude.

Deja un comentario